Política Internacional e de cooperación

Queremos un futuro en paz. Apostamos firmemente polo fomento da paz e a democracia a través das institucións multilaterais e rexeitamos calquera intento de uso unilateral da forza por encima da Lei dirixido contra cidadáns indefensos.

Por iso cremos que é urxente substituír o «choque de civilizacións» pola Alianza de Civilizacións proposta por Zapatero, dende a convicción de que só unha orde internacional xusta e unha adecuada repartición da riqueza mundial que poña fin ás desigualdades pode dar lugar a movementos transformadores que procuren un axeitado nivel de vida e liberdade a todos os individuos do planeta.

Como europeístas, coidamos que Europa debe ser unha zona de Paz; unha Europa unida que atesoure a paz como logro e valor fundamental pode e debe contribuír a estabilizar a política internacional. Debemos promover unha orde mundial baseada no entendemento e non na ameaza militar.

Os socialistas estamos convencidos de que o diálogo e a negociación deben substituír as armas; sempre o estivemos. A sociedade non se pode enganar; a chantaxe e a ameaza militar non solucionarán os conflitos do século XXI, todo o máis os agravarán.

En materia de cooperación internacional, cremos que debemos traballar para que todas as institucións públicas destinen fondos económicos e poñan en marcha políticas para a cooperación internacional e o desenvolvemento.

Coidamos que todas elas se deben comprometer de maneira decidida a destinar o 0,7% dos seus orzamentos á cooperación.