A nosa Historia
A primeira agrupación de Juventudes Socialistas creouse o 27 de setembro de 1903 en Erandio, Bilbao, apenas 10 días despois de que Tomás Meabe, fundador da organización, escribise no xornal La lucha de clases un editorial titulado «Derroteros», no que falaba sobre a necesidade de crear unha organización de xente nova inspirada nas Jeunes Gardes Socialistes de Bélxica, primeira organización socialista xuvenil.
A creación de agrupacións por todo o norte foi inmediata, especialmente nas zonas mineiras ou industrializadas, nas grandes cidades e nas capitais neurálxicas do movemento obreiro. Mais o nacemento de Juventudes Socialistas de España, tal e como hoxe a coñecemos, tivo lugar canda a celebración en Bilbao, do 14 ao 16 de abril de 1906, dun congreso no que se aprobou a constitución da Federación Nacional de Juventudes Socialistas Españolas.
En 1908 celebrouse o II Congreso Federal, que serviu para sentar as bases ideolóxicas da organización. Así, ademais do antimilitarismo, que inspirou a creación da organización, apróbanse resolucións que mostran a preocupación pola educación e a formación, ou un nacente feminismo, que leva a admitir a creación de grupos femininos dentro das Xuventudes Socialistas.
Entre 1908 e 1919 prodúcese un espectacular crecemento da organización e créanse agrupacións ao longo de toda a xeografía española, pero a constitución en 1919 da III Internacional e a definición política de Xuventudes Socialistas a favor desta, fronte ao PSOE, que nun congreso extraordinario decidiu manterse na II Internacional, marca unha ruptura que cristalizou en 1921, cando un Congreso extraordinario decidiu, cunha exigua diferenza, integrar a organización no Partido Comunista Obreiro Español, que acababa de crearse, para construír a Federación de Xuventudes Comunistas.
Non sería ata 1925 cando un grupo de mozos acordou reorganizar as Xuventudes Socialistas coa celebración do I Congreso Nacional de JSE, denominado o da refundación, que tamén decidiu a reincorporación ao PSOE. Principiou así unha nova etapa caracterizada polo baixo perfil político das Xuventudes Socialistas, moi controladas pola dirección do PSOE, que temía que se repetise o acontecido en 1921.
O III Congreso Nacional das JSE, celebrado en maio de 1929, marcou un xiro nos posicionamentos políticos da organización, que se atreve a esbozar un programa político e reivindicativo de seu, que se había consolidar no congreso celebrado en 1932.
Coa caída da ditadura ábrese en España un proceso revolucionario que desemboca na proclamación da II República, o 14 de abril de 1931, que supón un espectacular crecemento da organización, que pasa dos 1.500 militantes no Congreso de 1929 a 12.000 no seu Congreso de febreiro de 1932.
O Congreso de 1932, por outra banda, sería o trampolín que lle había dar impulso definitivo á organización. Recóllense toda unha serie de resolucións, na práctica un programa de actuación reivindicativa en todas as categorías, xunto cunha análise seria da situación política e económica. Ademais, tamén se fixaron as normas para crear as Milicias Socialistas (grupos que contrarrestaban os ataques mediáticos e públicos da dereita, mediante a difusión e explicación dos proxectos levados a cabo polo Goberno da República).
O V Congreso das Juventudes Socialistas de España celebrouse en abril de 1934, e nel elíxese unha nova dirección que propiciou a unificación, en 1936, das Juventudes Socialistas de España e a Unión de Jóvenes Comunistas de España, baixo a denominación de Juventudes Socialistas Unificadas (JSU), e con Santiago Carrillo como secretario xeral.
Mais o 14 de marzo de 1939, mozos socialistas de toda a España Republicana reuníronse en Madrid e acordaron reconstruír a Federación Nacional de Juventudes Socialistas, despois de que as Juventudes Socialistas Unificadas destituíse a todos os dirixentes contrarios á súa radicalización e ao seu paso ao Partido Comunista.
Tras a guerra civil, coa maioría dos militantes no exilio, en prisión, ou vivindo na clandestinidade, houbo varios intentos de reconstituír a organización dende o exterior, pero sería en abril de 1945 cando se celebrou en Toulouse un Congreso no que se decidiu a constitución dunha única Federación de JSE, con sede na devandita cidade francesa.
A reorganización no interior foi máis dura por mor das condicións de persecución e exterminio de todos os militantes de esquerda que non puideron saír de España. Os primeiros contactos organizativos tiveron lugar nas cadeas e campos de concentración e, en realidade, foron mozos socialistas os que asumiron o gran labor de agrupar, reconstruír e manter viva a chama da organización socialista durante toda a etapa da Ditadura.
A principios dos anos 70 os militantes no interior comezan a tomar un protagonismo que se consolida a partir do XI Congreso, celebrado en Lisboa en 1975. O 19 de febreiro de 1977, Juventudes Socialistas de España convértese nunha organización legal, e en setembro dese mesmo ano celébrase, baixo o lema «Fagamos Crecer o Socialismo», o XIII Congreso das JSE, no que se fai un grande esforzo por axeitar a organización a unha estratexia marcada pola realización dunha política especificamente xuvenil. A Carta Constitucional da Xuventude, na que se recollían as reivindicacións xuvenís que se pretendían incorporar na Constitución, que se comezou a elaborar daquela, supuxo o referente político de Xuventudes Socialistas.
A vitoria do PSOE en outubro de 1982 foi para os mozos e mozas socialistas un momento de grande esperanza e ilusión, pero tamén provocou momentos de tensión no seo da organización, que non sempre se mostrou de acordo coas decisións tomadas dende o Goberno.
Seguiron anos de intensas mudanzas, tanto no político coma no social, e Juventudes Socialistas tivo que adaptar o seu ideario político ás novas necesidades sociais que ían xurdindo.
A principios dos 90, a desmobilización da mocidade e o xiro cara á dereita experimentado polo voto da xente nova marcaron a necesidade de formular un cambio organizativo que servise para abrirse á xuventude. No congreso de 1993 puxéronse os alicerces deste cambio, que se materializou no celebrado en 1996, onde se estableceron novas formas de traballo presididas pola necesidade de atacar frontalmente o conservadorismo, promover as opcións da xuventude e implicarse directamente no debate da familia socialista.
Esta liña de renovación, e de maior implicación da organización naqueles foros nos que a xente nova estaba presente, especialmente o CJE, reforzouse a partir do XXI Congreso, celebrado no 2000. Este congreso, ademais, trouxo consigo un cambio nas relacións de Juventudes Socialistas co PSOE. Juventudes Socialistas volvía participar nos órganos de decisión do Partido con voz e voto, o que ampliaba a capacidade da organización para facerse oír e, asemade, para trasladar a voz dos mozos e mozas ao Partido.
Deste xeito impúxose un modelo de traballo, que segue vixente, en que mozos e mozas socialistas consolidaron o seu papel como intermediarios entre o PSOE e a xente nova, e viceversa. Un período que estivo marcado pola presenza da mocidade socialista na rúa, nas universidades e centros de ensino secundario; por unha activa participación dentro do movemento asociativo xuvenil; a colaboración cos movementos sociais e unha intensa actividade política, que permitiu trasladar as inquedanzas da xente nova e os seus problemas aos principais ámbitos de decisión do Partido e transformalas en compromisos e, ao cabo, en políticas concretas.



