Medio Natural
Entendemos o Medio Natural como unha área transversal a todas as políticas, unha política prioritaria e piar básico das nosas ideas como xuventude socialista.
O Medio debe ser un dos alicerces centrais do noso discurso como organización e unha prioridade política de primeira magnitude á hora de presentarnos a unha sociedade cada vez máis sensibilizada, que demanda solucións a problemas que están na rúa e que son percibidos como moi importantes.
Apostamos por un futuro sustentable, polas enerxías limpas e un desenvolvemento sustentable, en España e en todo o mundo, que permita o desenvolvemento dos países máis necesitados nas mellores condicións.
Cumprir cos compromisos adquiridos co Protocolo de Kyoto, unha política que defenda un Desenvolvemento Sustentable, a protección dos hábitats naturais do noso país para conservar a gran biodiversidade e endemismos que posuímos, e a loita contra a desertificación, forman parte da nosa axenda de reivindicacións a grande escala, e deben ser obxectivos prioritarios desta política ambiental.
Ademais, tamén cremos na necesidade de gravar con impostos ecolóxicos os coches que máis consomen, de fomentar unha nova cultura da auga, de propiciar un desenvolvemento urbanístico costeiro sustentable, sen portos deportivos nin praias artificiais. Así mesmo, é indispensable apoiar de maneira decidida as enerxías renovables, incluíndo o apoio á investigación en novas enerxías como a maremotriz.
No ámbito local e persoal é moito o que se pode facer. Hai que fomentar os valores ambientais: ecoloxismo, ocio rural, voluntariado ambiental, reciclaxe, aprecio e uso eficiente de recursos tales coma a auga, alimentos, electricidade, combustibles fósiles, etc.














