Emancipación

Un dos retos máis importantes ao que nos enfrontamos é lograr unha maior emancipación dos mozos e mozas, e en mellores condicións.

Cremos firmemente na necesidade de articular políticas públicas de vivenda destinadas a facilitarlles o acceso da mesma aos cidadáns e cidadás, e de maneira especial á xente nova. O acceso á vivenda é un dereito constitucional, e as administracións públicas deben tomar a iniciativa para facer realidade este dereito.

E neste sentido estamos convencidos da necesidade de que as administracións públicas, todas elas, aposten pola construción de vivenda protexida, tanto en réxime de alugamento como en propiedade; polo fomento do alugamento, co obxectivo de que se converta nunha opción atractiva capaz de competir en igualdade de condicións fronte á compra; pola posta en marcha de todas as medidas necesarias que impidan a especulación co solo e o crecemento urbanístico descontrolado.

O xiro nas políticas públicas de vivenda que se produciu no 2004, tras o cambio de Goberno, situounos na dirección adecuada, con medidas como a Lei de Solo, o Plan de Fomento da Emancipación ou o Plan de Vivenda 2005-2008, pero cremos que sempre se pode avanzar máis, con novas propostas e medidas.

En materia de emprego, apostamos pola estabilidade e a calidade, porque dende as administracións públicas se impulsen políticas activas de emprego que contribúan a poñer fin á precariedade, que incidan na loita contra os accidentes laborais, que fomenten o autoemprego e a economía social entre os mozos e mozas, que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar e a formación dos traballadores.

Coidamos que nos últimos anos se abriu un escenario máis esperanzador para as políticas de emancipación xuvenil, e por isto queremos seguir loitando, contando coa participación crítica e activa da xente nova e co fin de atopar entre todos as fórmulas que nos permitan gozar dun emprego estable e dunha vivenda de calidade a un prezo accesible, co claro obxectivo de que vivir por conta propia deixe de ser un problema.