Educación
Os mozos a mozas socialistas estamos convencidos de que a Educación é un alicerce básico de toda sociedade. Ao longo de toda a historia foi a arma principal para conseguir a emancipación, acadar os maiores niveis de liberdade, transformar o mundo, resolver as desigualdades e facer máis xustas as sociedades.
Os mozos e mozas socialistas entendemos como premisa que a Educación debe ser Pública e laica. Entendemos que as clases de relixión, sexa cal sexa esta, non debe formar parte da actividade escolar por ser estraña á mesma. Pero, en prol da optimación dos recursos, entendemos que, como calquera outra asociación, poderán utilizar estes espazos públicos fóra do horario lectivo sempre que sexa posible esta compatibilidade.
Pedimos que se vaian eliminando de maneira progresiva os concertos, e todos os privilexios e as diferenzas que existen entre os centros concertados e os centros públicos, poñendo especial coidado nos dereitos dos traballadores da escola concertada, que non deben ser prexudicados por esta eliminación.
Desexamos que a sociedade perciba a calidade da Educación Pública como un elemento de prestixio, e que se cumpran as cotas de inserción de alumnos con necesidades especiais tamén nos centros concertados.
Apostamos tamén pola formación profesional como fórmula educativa alternativa ao bacharelato para os alumnos que non desexen cursar o mesmo. Os ciclos formativos deben ser unha das vías claras ás que se poida optar como primeira formación de cara a un primeiro emprego. Unha formación ampla e específica a un tempo.



